Saturday 11 de May de 2024

O Concello de Lousame e Cruz Vermella retoman os cursos gratuítos para que os maiores aprendan a utilizar os seus móbiles


As charlas terán lugar todos os mércores de xuño, ás 11:00 horas, na Casa da Cultura

O Concello de Lousame e Cruz Vermella retoman a celebración de cursos gratuítos para que os maiores do municipio aprendan a sacarlle todo o partido aos seus teléfonos e dispositivos móbiles. Uns obradoiros que terán lugar todos os mércores de xuño, ás 11:00 horas, na Casa da Cultura de Lousame.

Os cursos están abertos á participación de toda a veciñanza de Lousame e serán totalmente de balde, previa inscrición no Concello (981 820 494). Nesta ocasión, non haberá límite de idade, se ben polas características dos cursos están dirixidos a persoas maiores que desexen aprender a usar o móbil: internet, WhatsApp, pedir citas médicas, instalar aplicacións, ler a prensa…

Outras charlas

Este curso está enmarcado dentro da colaboración do Concello de Lousame e a Cruz Vermella, que ao longo do ano se traduce en actividades a prol do envellecemento activo da veciñanza co obxectivo de conseguir beneficios físicos e psíquicos para os maiores do municipio.

De feito, para o vindeiro martes 12 de xuño está programada unha charla sobre como previr estafas, roubos e timos a persoas maiores e que será impartido por persoal da Garda Civil. A cita é ás 10:00 horas na Casa da Cultura de Lousame e a entrada é libre e de balde.